Friday 03 de May de 2024

Xuntanza de traballo para a creación da bolsa Isabel Zendal


O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; a concelleira de Educación, Susana García; a presidenta e o secretario da Asociación Isabel Zendal, Pilar Farjas e Fernando Fernández; e o secretario provincial de Sanidade do PsdeG-PSOE á par que presidente de honra da Asociación Isabel Zendal de México, Jesús Pedreira, mantiveron unha xuntanza de traballo no Concello de Ordes. Neste encontro, que tivo lugar na tarde deste pasado xoves, abordáronse os principais puntos de cara á creación da bolsa que levará o mesmo nome da ilustre veciña ordense e primeira enfermeira da historia en misión internacional segundo a Organización Mundial da Saúde tras a súa participación na Expedición Balmis para a erradicación da varíola a comezos do século XIX. A dita iniciativa, que posibilitará o intercambio de investigadores e estudantes españois e mexicanos entre ambos os países, forma parte dos acordos de irmandamento que o Concello de Ordes asinou no mes de outubro do pasado ano co estado de Veracruz.

Durante o encontro todas e todos os asistentes tiveron ocasión de ver o facsímil co que o Concello de Veracruz agasallou á comitiva ordense durante a súa visita, con copias de documentos históricos relacionados coa chegada da Expedición Balmis e de Isabel Zendal en terras mexicanas.